Un dos retos principais que ás veces nos custa levar a diante co noso alumnado é a resolción de problemas. Custa motivalos e que o que fan sexa útil á hora de ter estratexias de resolución. O material que vos presento intenta abordar a resolución de problemas dende o punto de vista de xerar neles múltiples estratexias e técnicas, entendendo que resolver un problema non é só dar cunha solución.
O primeiro que atoparedes plantexa a estimación como forma de resolución. Pretende dar solucións a problemas sen resolvelos estimando a solución dando un resultado aproximado. O interesante é que se darán conta de que con certos datos hai resultados non viables para a resolución do problema.
O seguinte pretende que desenvolvan a capacidade de expresar un resultado de múltiples xeitos e que a resposta siga sendo correcta. Por exemplo, se o resultado fose unha multiplicación este pode ser expresado de múltiples formas.
O último é un documento de reflexión para o alumnado no que terán que escribir e debuxar os pasos que cren que son axeitados para resolver un problema. Se incorporamos o debuxo axudamos a diferentes estilos de aprendizaxe. Sería interesante que antes de realizar esta proposta falasen co seu equipo facendo unha chuvia de posibles ideas das que poder partir.
Todo o material que vos comparto é adaptable a diferentes cursos e necesidades de aula, como sempre agardo que vos sirva de inspiración.